Nova

Galicia procura a conquista de novos mercados para os seus produtos pesqueiros na nova edición da feira Fish International Bremen

1 de 2
2 de 2

O director xeral de Pesca destacou a importancia de promocionar os produtos do mar en citas internacionais para mellorar a súa comercialización e a xeración de riqueza e emprego no complexo mar-industria

O evento é o único dedicado ao peixe e o marisco de Alemaña e alberga 320 expositores de 27 países diferentes coa asistencia de 10.000 visitantes de máis de medio centenar de nacionalidades
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2024 A Xunta de Galicia continúa apostando pola conquista de novos mercados para os produtos do mar galegos apoiando a presenza de empresas do sector na feira Fish International Bremen en Alemaña. Así o manifestou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que se desprazou ao país xermano onde destacou tamén a representación galega na feira internacional Gulfood de Dubai celebrada recentemente como exemplos dos esforzos do Goberno galego por continuar impulsando a internacionalización da comercialización dos produtos pesqueiros de Galicia.

Nesta liña, puxo en valor as cifras récord de exportación do sector que alcanzaron os 2.700 millóns de euros no 2022 e que a tendencia indica que foron superadas o ano pasado, situando unha vez máis á cadea mar-industria da comunidade como un referente internacional. Para afondar nese crecemento a Administración autonómica reforzou nos Orzamentos do 2024 os fondos destinados á dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, un aumento superior ao 30 % ata case os 42 millóns de euros.

Este evento, que comezou o pasado 25 de febreiro, conta con 10.300 mnos que hai instalados 320 expositores de 27 países e que estimase que sexan visitados por máis de 10.000 profesionais de máis de medio centenar de nacionalidades. Unha cita que constitúe unha plataforma excepcional para o comercio dos produtos pesqueiros xa que permite coñecer as últimas novidades e innovacións do mercado alemán. Galicia contará cun espazo propio no recinto no que estarán presentes as seguintes empresas galegas: Copesma Conxelados, Cassua, Pereira Produtos do Mar, Conxelados Noriberíca, Stolt Sea Farm, Global Runner e Ailla Pasteurizados.

Máis feiras

O vindeiro mes de marzo a Xunta continuará impulsando a presenza de empresas galegas en feiras internacionais de primeiro nivel como Foodex de Xapón, a Seafood Expo North America Boston e a Alimentaria de Barcelona para seguir ampliando a presenza dos produtos pesqueiros de Galicia nos mercados internacionais.

Imaxes relacionadas